Manifesto dos tres pontos (RAG)

Os cidadáns e as cidadás de Galiza saímos á rúa para defendermos a Lingua Galega dun proceso histórico de substitución que colle folgos da man das políticas institucionais dos inimigos do galego. Ante os ataques que pretenden consumar o exterminio da Lingua unimos forzas por volta de tres reivindicacións:

● Un país socialmente monolíngüe en Galego en que cidadáns e cidadás escollan libremente o dominio e uso de outros idiomas. Recusamos o bilingüísmo harmónico por ser a farsa que permite con aparencias democráticas a substitución do Galego polo español, á vez que oculta un conflito como o lingüístico na retórica das liberdades individuais, cando este só pode ter solucións sociais e colectivas.

● A reactivación da acción normalizadora de base en todas as frentes sociais. Se a supervivencia da lingua é fruto da vontade política do pobo que a fala, esta máxima ten aínda máis vixencia baixo institucións indiferentes ou contrarias á normalización que toleraron a súa minorización social nestes 30 anos de Autonomía.

● Un novo marco legal superador da desigualdade xurídica existente entre Galego e español que garanta a hexemonía social da lingua do País nun futuro non lonxano. A defensa dos elementos de discriminación positiva existentes na lexislación actual non é o teito das nosas reivindicacións.

Na Galiza, en 18 de Outubro de 2009